A Xunta convida a medio centenar de creadores e científicos a imaxinar a ‘Galicia Futura’ na grande exposición do Xacobeo en 2021

A Xunta de Galicia convida a medio centenar de creadores, dos ámbitos das artes plásticas, as letras, as ciencias ou o audiovisual, a imaxinar xuntos a Galicia futura, título da que será a grande exposición do Xacobeo neste ano 2021. A mostra inaugurarase no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de xullo e estará comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores máis dinámicos e recoñecibles no eido artístico e científico.